“Escoitar os chocos das vacas da Carqueixa fai que se rompa o monótono silencio do meu, case baleiro, pobo”

Lucía Rodríguez Fernández é Salgueiras, unha vila de Navia de Suarna e está a cursar 3º de Publicidade e Relacións Públicas en Pontevedra, na Uvigo. Colleu o noso proxecto de comercialización directa de carne de tenreira galega suprema O Sabor dos Ancares para facer un traballo da súa carreira polo que decidimos facerlle algunhas preguntas.

Lucía Rodríguez Fernández
  • Por que escolliches a iniciativa de O Sabor dos Ancares para este traballo da túa carreira?
  • Tiña moitísimas ganas de facer algo sobre O Sabor dos Ancares xa que admiro moito a vosa inciativa e a forma na que levades as redes sociais. O traballo consistía en analizar a publicidade dunha marca e pareceume a ocasión perfecta para falar de vós e facervos un pouco máis coñecidos na outra punta de Galiza. Outro dos motivos polo que a escollín A Carqueixa foi pola cercanía xa que dende o meu pobo vexo as vacas de moitos dos socios da mesma.
  • Que é o que máis che chama a atención do proxecto?
  • A repercusión que conseguistes despois do bo traballo feito na rede. Soupestes captar moi ben a atención coas vosas campañas, son moi cercanas aos seguidores e fan que se xere feedback; presentar as familias e saber a procedencia da carne que consumimos paréceme un gran acerto e tamén, sinal de confianza e transparencia. Tamén me chama a atención o sistema de pedidos e que a carne chegue en tan boas condicións aos domicilios. Pero, sen dúbida, o que máis me sorprende é o xeito no que conseguistes facer de algo tan negativo como foron os terribles incendios do 2017, unha oportunidade para Os Ancares. Fan falla máis iniciativas como a vosa para que a nosa terra non esmoreza e siga loitando por sobrevivir nun mundo no que o rural semella estar cada vez máis olvidado.
  • Que é o que resaltarías das mensaxes que mandamos a través das nosas redes sociais?
  • Pois posiblemente o das vacas felices xa que amosa a liberdade e as boas condicións nas que viven os animais. Encántame ver esas fotos e cando estou en Pontevedra fan que me sinta un pouquiño máis cerca da casa. Outra cousa que me gusta moito e que reivindicades o importante papel que teñen as vacas no ecosistema dos Ancares xa que sen elas moitos prados e barbeitos estarían a monte e o risco de que houbese un incendio sería moito maior.
  • Que poderiamos mellorar?
  • Non se me ocorren demasiadas cousas xa que pra min, sodes o claro exemplo dunha boa xerencia en canto a redes sociais se refire. Ainda así, penso que sería interesante que fixésedes algún spot máis xa que vos aportaría máis visibilidade.
  • Cres que son proxectos deste tipo, sen intermediarios, os que dinamizarán o rural galego?
  • Si porque é a única forma de que as condicións do traballo sexan xustas e as persoas poidan vivir do mellor xeito posible. A agricultura e a gandería son actividades que supoñen moito esforzo pero non contan co recoñecemento que merecen; moitas veces traballan en condicións que non son óptimas e vendendo os seus produtos a prezos moi baixos, sen conseguir gañar case nada. Por iso é importante que existan proxectos coma O Sabor dos Ancares. Penso que esta é a mellor forma para que o rural sexa un lugar ainda mellor. Grazas a iniciativas como a vosa podo imaxinar un novo later nos Ancares. Escoitar os chocos das vacas da Carqueixa fai que se rompa o monótono silencio do meu, case baleiro, pobo. Fai que lembre que alén dos marcos de Salgueiras ainda queda moita vida.

Deixa un comentario