O benestar das nosas vacas, o primeiro

Unha das cousas que caracteriza o noso modelo de produción é o noso sistema extensivo. Que quere dicir isto? Que a nosa produción gandeira aproveita eficientemente os recursos do territorio coas razas de gando adecuadas. Que compatibilizamos a produción coa sostibilidade e que xeramos servizos ambientais e sociais. Por outra banda tamén contemplamos outras claves: o uso de razas autóctonas, a mobilidade do gando e o benestar animal. Ademais, a nosa actividade é esencial para o territorio e a sociedade, pois non só xera produtos de calidade, senón que tamén configura a paisaxe, axuda a controlar os incendios, regula os ciclos da auga e calidade do solo, potencia a biodiversidade e conserva o patrimonio cultural e a identidade territorial.

E como logramos isto?

Pois as e os gandeiros somos continxentes pero as nosas vacas son necesarias. Elas son as que se encargan de ter a raia os incendios, de manter os montes limpos, de conservar a nosa paisaxe e de criar aos becerros. Por iso nós nunca pensaríamos nelas como un número. As nosas familias teñen unha media de 25 vacas por gandería e todas elas teñen nome. Coñecemos cada unha das súas peculiaridades: esta parece que ten os ollos pintados, aquela outra ten un corno revirado… tamén o carácter: as que son máis dóciles e amigables e as que tiran máis ao monte (que tamén está ben, ten que haber de todo).

Como dicimos, non son un número, algunhas levan máis de 20 anos cos seus humanos e, por suposto, chamámolas polo nome: Garrida, Palilleira, Parrula, Rebordela, Rubia, Teixa, Garduña, Gallarda, Roxa, Duquesa…

Elas, ao seu

As nosas vacas andan ao delas: pacer libres polos montes e pastizais de Ancares. Algúns dos nosos cooperativistas báixanas durmir á explotación e, no caso de Piornedo, algunhas durmen nas pallozas. Porén, o seu estado habitual é libres, que é como debe ser. En raras ocasións precisan servizo de veterinaria porque ao estar en liberdade enferman moito menos.

Algunhas son, incluso, moi aventureiras e van cos seus humanos a facer a trashumancia ata os Ancares bercianos para desfrutar sempre dos pastos máis frondosos. Levan un colar con GPS porque nos permite, mediante unha aplicación, saber onde están pero tamén a súa temperatura corporal para vermos o seu estado de saúde.

Control das vacas dun dos nosos cooperativistas

É difícil verbalizar a simbiose que se crea entre moitas das vacas e os cooperativistas. Nós dámoslle o mellor a elas e elas o mellor a nós. Non hai outra explicación. A nosa tampouco é unha relación dono – animal senón que é de respecto e coidado. Por iso, para nós, o benestar animal leva sendo unha máxima desde que os nosos antepasados coidaban as súas vacas nas mesmas montañas que nós o facemos agora.

Longa vida ás nosas vacas felices!!

Anímate a vir visitarnos cando queiras para coñecelas!!

Deixa un comentario