“Proxectos como O Sabor dos Ancares e a Carqueixa benefician a todo o mundo: produtores, consumidores, medio ambiente…”

A carnicería de O Sabor dos Ancares na Praza de Abastos de Lugo, que naceu como un posto no número 25 das instalacións en outono de 2021, non para de medrar e de sumar xente nova. A Luis Estrada uníuselle máis recentemente Roberto Trigo Real, con quen conversamos nesta entrevista para coñecer un pouco mellor o día a día dunha carnicería referencial en Lugo.

Levas xa case dous anos con O Sabor dos Ancares. Como está a ser a experiencia?
É moi boa e moi gratificante. Tamén é intensa, xa que nos esforzamos por ter a carnicería sempre nas mellores condicións e por cumprir cos pedidos que realizan os clientes.

Cóntanos un pouco máis sobre a túa experiencia neste sector.
Na miña vida profesional pasei por tres grandes cadeas de alimentación, e desenvolvín tarefas moi diversas en carnicería. Traballei coa carne de porco, de polo, de cordeiro e de tenreira. Ademais, participei noutras accións loxísticas, como facer pedidos ou formar persoal.

Supoño que O Sabor dos Ancares é un proxecto moi distinto a calquera outro. Que che parece esta aposta por un produto de calidade e de proximidade?
É estupendo que existan proxectos así, pois resultan beneficiosos para tódalas partes, para o produtor, para o cliente e tamén para o entorno, que o fin e o cabo aféctanos indirectamente a todos.

En que se diferencia traballar con carne de O Sabor dos Ancares en comparación con outra carne?
É unha marabilla traballar cun produto de gran calidade. Ao final, na carnicería estamos a traballar de cara ao consumidor. A min dáme tranquilidade responder sen reservas pola calidade da carne que lle ofrecemos aos clientes.

E como son eses clientes? Como é o comprador habitual da Praza de Abastos?
Pois hai de todo, dende clientela de diario que vive nas proximidades ata xente que se despraza tódalas semanas para adquirir os nosos produtos. Tamén contamos con clientela ocasional, que é aquela que acode a nós cando busca tenreira de maior calidade. Incluso hai xente doutras provincias que habitualmente compran pola web ou que simplemente coñecen o proxecto e se lles cadra de pasar por Lugo aproveitan e fan unha parada na nosa carnicería. Non existe un perfil marcado polo sexo ou a idade concretas entre os nosos clientes, pero si que comparten un trazo común: á maioría gústalles o proxecto de O Sabor dos Ancares e o modo de produción tradicional da cooperativa A Carqueixa.

Que é o que máis se compra?
Son as hamburguesas, as chuletas e os filetes

E que dis cando che piden que recomendes unha peza?
Pois depende do modo de preparación. Como peza excelente, o solombo é sempre unha aposta segura, aínda que en calquera peza de tenreira de O Sabor dos Ancares se aprecia a diferenza no sabor e na calidade da carne.

Deixa un comentario