Dende a Cooperativa A Carqueixa traballaremos coa Fundación Juana de Vega e o Consello Regulador das Carnes de Vacún de Galicia, coa colaboración do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), ata setembro de 2026 para definir un modelo produtivo típico no sector do vacún de carne galego. O obxectivo do denominado Grupo Operativo REDE GALEGA DE GRANXAS MODELO vai ser dobre. Por unha banda, determinar os costes de produción para que estes poidan servir para garantir o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, e pola outra, proporcionarlle información económica e financeira relevante aos gandeiros que lles permita mellorar a xestión das súas explotacións, favorecendo a súa viabilidade, sostibilidade e competitividade.
O vacún de carne é un sector clave para a economía rural galega, vinculado a indicacións de calidade diferenciada como as IXP Ternera Gallega ou Vaca Gallega e Buey Gallego, que ademais desempeña un papel fundamental na xestión do territorio e na prevención de incendios forestais. Con todo, na actualidade enfróntase a desafíos importantes en canto a remuda xeracional, estrutura e organización, especialmente se o comparamos con outros sectores máis profesionalizados e dimensionados como o do leite.
Durante dous anos, o consorcio colaborará cunha vintena de granxas voluntarias repartidas pola comunidade para establecer este modelo de produción típico tendo en conta variables como tipoloxía, tamaño ou orientación. Desde a Fundación Juana de Vega destacan que o cálculo de custos de produción é básico para garantir a viabilidade económica de calquera explotación agrícola ou gandeira. Por isto, continúan, “é imprescindible contar cunha mostra de granxas que se asemellen ao modelo típico das existentes en Galicia, que fornezan información técnico e económica de xeito fiable e sostido no tempo”.
Contexto
Un dos principais desafíos dos produtores primarios é o escaso poder de negociación dentro da cadea alimentaria, conformada por unha ampla diversidade de axentes da produción, da transformación e da distribución. Esta heteroxeneidade condiciona o funcionamento e as relacións internas entre eles, que están tamén moi influenciadas pola volatilidade dos prezos pagados aos produtores, o elevado custo dos insumos ou a inestabilidade dos mercados internacionais no contexto xeopolítico actual, entre outros factores.
En 2013 en España deuse un paso adiante coa aprobación da Lei da Cadea Alimentaria. O seu obxectivo era reducir o desequilibrio nas relacións comerciais entre os operadores, protexendo especialmente aos produtores, a parte máis débil, e evitar a venda a perdas.
Malia esta necesidade, a realidade é que, na maioría dos casos, os produtores primarios seguen descoñecendo unha información básica que lles resta poder de negociación nos contratos e no caso das autoridades, capacidade de velar polo cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria.
É por isto que o Grupo Operativo REDE GALEGA DE GRANXAS MODELO pretende achegar unha solución práctica a este problema e contribuír á profesionalización dos produtores. Os estudos de custos de produción tamén axudarán a mellorar a eficiencia da produción e, polo tanto, a súa rendibilidade económica e creación de riqueza no rural de Galicia.
A disposición do sector
En paralelo, os datos analizados permitirán ampliar as funcionalidades da aplicación Conta Carne, a plataforma de cálculo de custos das explotacións de vacún de carne da Xunta de Galicia. Así mesmo, tamén se contribuirá ao cumprimento dunha das medidas previstas na Estratexia de Dinamización do Sector Cárnico de Galicia.
Unha vez rematados os traballos do Grupo Operativo, a información resultante poñerase a disposición do vacún de carne e da administración autonómica. A idea é que esta rede inicial sirva de xerme para estendela a outros sectores gandeiros como o vacún de leite, ovino-caprino e porcino.
Financiamento
O Grupo Operativo REDE GALEGA DE GRANXAS MODELO foi un proxectos dos seleccionados para ser financiados na pasada convocatoria 2023 das Axudas para a execución de proxectos innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC) 2023-2027. O orzamento total é de 139.900,70€ estando apoiado ao 80% pola Unión Europea e o 20% restante, pola Consellería do Medio Rural (Xunta de Galicia). O período de execución é de 25 meses, entre setembro de 2024 e setembro de 2026.
Os grupos operativos están constituídos por un conxunto de axentes con distintos perfís vinculados ao medio rural que se unen para desenvolver e executar un proxecto innovador dirixido a atopar unha solución a un problema compartido ou para probar e poñer en práctica unha idea innovadora relacionada con algún sector en concreto do medio rural (agricultura, gandería, forestal etc.).