Bases do Concurso de Decoración do Posto de O Sabor dos Ancares 2025

Primeira. Obxecto 

A cooperativa A Carqueixa pon en marcha un concurso para a decoración da porta exterior no seu  local de elaboración na Praza de Abastos de Lugo. 

Segunda. Persoas destinatarias 

1. Poderán optar ao concurso as persoas físicas que cumpran cos seguintes requisitos:
1.1. Aceptar integramente as presentes bases así como a resolución por parte da organización de  calquera problema non recollido nas mesmas. 

Terceira: Prazo e lugar de presentación de solicitudes 

As persoas interesadas en participar poderán achegar debuxos, frases e/ou fotografías ao correo  osabordosancares@gmail.com, como un arquivo adxunto, seguidas da seguinte información nun documento word, tamén adxunto: 

• Título da súa achega ao concurso. 

• Nome e Apelidos da persoa participante 

• Correo electrónico 

• Teléfono de contacto 

O prazo de presentación será desde o 22 de setembro ata o 15 de outubro de 2025 ás 23.59h. O día 16 de outubro publicaranse no facebook de A Carqueixa (www.facebook.com/carqueixa) e  procederase á súa votación ata o 2 de novembro de 2025 ás 23.59h.  

As catro propostas máis votadas someteranse ao voto de calidade dun xurado constituído por  persoas membro do Consello Reitor da Cooperativa A Carqueixa. Este escollerá a proposta  gañadora. 

O 4 de novembro de 2025 anunciaranse a persoa gañadora.  

Poderase conceder un segundo premio no caso de que a obra máis votada polo público non coincida coa que o xurado designe como primeiro premio. O segundo premio recaería dese xeito na obra  máis votada polo público. 

Cuarto. Requisitos e características das achegas a concurso: 

1. Poderase enviar un máximo de dúas achegas por participante. 

2. A achega poderá constituír un debuxo, unha frase e/ou unha fotografía que vaia acompañada/o da  frase “Aquí facemos os mellores elaborados”. As dimensións serán 1,75 metros de alto por 75 cm de ancho.

3. Non poderán presentarse fotografías ou debuxos que xa foran presentadas noutros concursos ou  fosen publicadas en redes sociais. 

4. Valorarase, entre outros aspectos, a innovación e a orixinalidade. 

5. No caso do uso de imaxe de crianzas, será responsable de dito uso da imaxe a persoa participante  no concurso ou non se aceptarán imaxes nas que aparezan menores. 

6. As fotografías, imaxes ou frases serán subidas ás diferentes redes da cooperativa. 

Quinta: Premios e xurado 

1. A achega gañadora será aquela que escolla o xurado de entre as catro que reúnan máis reaccións  (gústame, encántame, etc) na páxina de Facebook da Carqueixa, sendo escollida deste xeito pola  comunidade. 

2. Poderá haber unha segunda obra gañadora que recibirá igualmente o premio indicado, de  conformidade co sinalado no punto 3 destas bases. Esta obra será aquela que reciba máis votos en redes sociais, no caso de non coincidir coa escolla final do xurado.

3. As persoas participantes gañadoras serán notificadas a través da Carqueixa, obtendo como premio 5 quilos de carne de balde e unha visita guiada aos Ancares, con visita á palloza museo de Piornedo  e explicación das artes dos nosos gandeiros. 

Sexta. Responsabilidade e cesión de dereitos 

A organización do concurso non se responsabiliza dos prexuízos que, a pesar das medidas de  seguridade adoptadas nestas bases, poidan aparecer por uns contidos inadecuados. A participación  no concurso e aceptación das presentes bases implica a cesión á organización dos dereitos de  reprodución, exhibición, comunicación pública e transformación de todas as imaxes e frases  presentadas. Citarase a autoría da imaxe ou frase na marxe inferior dereita.

Deixa un comentario