Prezos xustos para un traballo digno

Share on facebook
Share on google
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email
Share on print

Nos últimos días chegou á axenda política o tema dos prezos xustos para os produtores agrarios e gandeiros. Desde a cooperativa A Carqueixa sumámonos a esta reivindicación.

Carne a un prezo xusto

Un dos motivos é que o prezo que recibimos pola nosa carne é o mesmo que hai trinta anos pero os nosos custos si que se actualizaron e subiron. Outro é porque o que pedimos é, simplemente, o xusto: recibir unha cantidade que nos permita vivir con dignidade, cubra as nosas necesidade e sexa acorde á rigorosidade e calidade do noso traballo.

Falando do noso traballo, cómpre subliñar que non é só beneficioso para nós mesmos: a nosa actividade agrogandeira familiar retén CO2 e mellora a biodiversidade; as nosas vacas manteñen os montes e pastizais limpos e impiden o contaxio dos incendios; mantemos vivos uns coñecementos etnográfico-culturais que, doutro xeito, morrerían; e eses prezos xustos son a única posibilidade para que a xente moza poida quedar na montaña e desenvolver aquí o seu proxecto vital.

O círculo é sinxelo: o medioambiente precisa dun medio rural vivo e este só é posible se as persoas que o traballamos conseguimos unhas condicións económicas que nos permitan dedicarnos a isto e freen iso que agora chaman “España baleira” pero que, na provincia de Lugo, levamos demasiado tempo coñecendo.

Prezos xustos para gandeiros e consumidores

Por outra banda, as grandes corporacións e a industria aproveitan a fenda e a falta de recoñecemento entre o urbano e o rural para enganar ás persoas que mercan os seus produtos co prezo e o valor dos alimentos. Ese é un dos motivos polos que, desde A Carqueixa, puxemos en marcha o proxecto O Sabor dos Ancares, para venderche a ti, directamente, a nosa terneira galega suprema e posibilitar un prezo xusto para os e as nosas cooperativistas. No caso galego, unha gran parte dos produtos de alimentación son producidos por explotacións de tamaño mediano ou pequeno de carácter familiar, un modelo altamente sostible e, como explicamos con frecuencia, con grandes beneficios para a sociedade.

O que se veu a demostrar é que o mercado non funciona á hora de remunerar con dignidade ao primeiro eslabón da cadea: nós. Por iso é preciso que as administracións de todos os niveis e tamén Europa establezan normas que equilibren dita cadea. Iso si: tamén é indispensable a túa esponsabilidade.

Porque ti, como consumidor podes procurar iniciativas como a nosa que vendan o seu produto sen intermediación. Porque podes buscar produtos que desempeñen unha función social, sostible e
respectuosa coa biodiversidade. Porque habelas, hainas, está na túa man buscalas e consumir doutro xeito.

  • Autor: José Antonio Díaz, “Palillo”, presidente de A Carqueixa.
  • Publicado orixinariamente en Praza Pública

Deixa un comentario