Carta dunha clienta do Sabor dos Ancares

Esta é un texto de agradecemento que enviou Paula, unha clienta da Coruña a Román, o noso xerente. Emocionounos moito polo que decidimos compartila con todas e todos vós.

Quería aproveitar por darvos os parabéns polo voso proxecto. Como coidades os animais, o monte, o rural… E ao mesmo tempo permitirnos á xente que non temos a sorte de vivir nun lugar tan marabilloso coma o voso degustar desta carne. É un privilexio pra nós.

Na nosa casa criamos aos nosos animais, polos e coellos, o mellor e máis natural que podemos. Iso é a base de carne da nosa alimentación, pero gústanos tamén de cando en vez comer algo de tenreira, sobre todo ao meu compañeiro que é arxentino e un “asadito” ten que facerse cada pouco. Eu son vexetariana de fai máis de 20 anos, pero entendo e respecto que as persoas coman o que precisen sempre que os animais sexan respectados na súa vida e na súa morte.

Entendo, desde que vivo no rural, hai máis de 10 anos, que os animais son necesarios e imprescindibles. O problema é a industria cárnica que só mira polos beneficios económicos e por nada máis.

Teño dous fillos pequenos e os dous foron libres de escoller a súa alimentación, como o fun eu, intentando ofrecerlles sempre a mellor calidade posible tanto na carne como no resto. Xa desde ben pequenos entenden que hai que comer de tempada e a ser posible de proximidade, e tamén que a nosa comida non pode saír da explotación nin animal nin humana. Por todo isto cando vos coñecín, case de casualidade, polo Facebook, non dubidei en facervos o pedido. Estou moi contenta de coñecer que, na nosa terra, ao fin hai xente que vai entendendo que hai que xuntarse e valorar o bo que temos pra que así o coñeza todo o mundo e o valore, así facemos país e facemos rural, que na Galiza van da man.

Nós visitamos polo menos unha vez ao ano os Ancares ou o Courel, así que nalgún momento intentaremos irvos coñecer persoalmente a vós e as vosas fermosas e felices vacas.

Moitísima sorte en todo este proxecto cooperativo.
Un saúdo moi afectuoso desde o rural da Coruña. Desexando recibir o pedido. Penso que este é o inicio dunha durareira “amizade”.

Bicos de
Paula
Fede
Artai
Hiar

Deixa un comentario