José Antonio Díaz, ‘Palillo‘, vén de deixar a presidencia da Cooperativa A Carqueixa para dar paso a un novo equipo directivo. Faino coa satisfacción do traballo feito e de ver convertese á cooperativa nun importante referente na produción alimentaria de proximidade e sostible en Galicia, e nunha experiencia moi positiva de ligazón directa entre produtores e consumidores.
Que sentes despois de deixar a presidencia da Carqueixa?
A verdade é que é unha mestura de tristeza e de satisfacción. A tristeza habitual cando rematas unha etapa. Tamén a satisfacción de ver como durante esa etapa se deixaron feitas moitas cousas que van ser importantes no futuro da Carqueixa. Fomos aguantando como un proxecto novidoso en moitos aspectos e enfrontando as dificultades típicas de calquera transformación. Eu creo que conseguimos funcionar.
E como cres que queda a Carqueixa?
Máis forte, seguro. Demos pasos moi importantes, por exemplo, coa dixitalización, e contamos con ferramentas que hai poucos anos non podiamos sequera imaxinar. Creo que neste tempo demostramos que podiamos movernos na sociedade dixital. Estamos ben situados para seguir medrando, e ademais contamos coa nosa tenda física de venda directa como un activo máis.
Cales foron os logros máis importantes nestes anos?
Pois os dous que xa mencionei: tanto a venda online como a apertura da nosa carnicería no número 25 da Praza de Abastos de Lugo. Ambos feitos representaron avances moi importantes para a nosa cooperativa, para a nosa capacidade comercial. Cada un deles marcou unha importante transformación no modo en que a Carqueixa chega aos seus clientes. Modernizamos a forma de vender.
E agora, que plans tes?
Axudar no que se poida. Por problemas de saúde tiven que deixar a presidencia pero seguirei apoiando a cooperativa da forma que poida. Haberá momentos mellores e momentos peores, pero seguiremos aí.
Por que é importante apoiar proxectos como a Carqueixa?
Para os gandeiros a Carqueixa significa conseguir unha posición de forza á hora de vender, acadando mellores prezos de venda. Para o consumidor, unha garantía de calidade e un prezo de compra moi competitivo. E para a natureza, manter o ecosistema das montañas dos Ancares. Por suposto, manter a nosa forma de vida, o aproveitamento responsable e natural do medio ambiente que levamos facendo desde hai xeracións e xeracións. A Carqueixa é moito máis que carne: somos ordenación do territorio, protección da biodiversidade, loita contra o cambio climático e os incendios…
2 comentarios en ““Nestes anos A Carqueixa innovou na forma de chegar ao público””
Sodes un orgullo pos galegos, xento asì e a que ten que dirixir a Nosa Galiza, pra deixar dunha vez ò atraso, e non os fugurins que non se asemellan en nada a Nòs. VIVA GALIZA|||
Moitas grazas! Somos o que somos grazas a xente coma ti! Unha aperta grande!