“A xente di que o noso posto do mercado é coma unha fiestra aberta aos Ancares”

Na Carqueixa estamos de estrea! Este mes de outubro comezou a operar a nosa propia tenda física: unha carnicería no posto 25 da Praza de Abastos de Lugo. O venres 1 abriu por primeira vez as súas portas un posto decorado evocando as paisaxes e a arquitectura tradicional dos Ancares, a marca de identidade da cooperativa. Ademais de vender ao público, dende este espazo tamén atenderemos os pedidos feitos a traves da páxina web. Conversamos con Luis Estrada Vigo, o carniceiro que atende ao público que visita este espazo.

Como están sendo estes primeiros días?
O certo é que tivemos unha boa acollida. Abrimos case de sorpresa e chamamos a atención polo bonito que é o posto e polo seu cartel. Moita xente parou a interesarse por esta nova tenda e comentounos que temos o posto máis bonito de todo o mercado de Lugo. É curioso que che preguntan pola foto que temos de fondo, e mesmo hai quen coñece as localizacións porque é de alí ou andou pola zona. Tamén é de destacar que estamos dando moito servizo online.

E que perfil de cliente tendes?
Pois o cliente habitual do mercado. Xente que xa compraba na praza habitualmente e que agora viu que hai un posto novo e veu preguntar. Levaron unha grata sorpresa.

En que vos distinguides doutros postos do mercado?
O primeiro, en que todo o que temos é produto dos Ancares. E non só vendemos tenreira. Temos outro tipo de carnes e incluso imos ter mel en breve. Na tenda imos máis aló do noso produto habitual de carne de vacún, pero sempre mantendo a aposta polo tradicional e natural.

Daquela sodes como un escaparate dos Ancares en Lugo?
Si, sen dúbida. A xente coñécenos tamén polas redes sociais e veñen preguntar por cousas que publicamos, se é certo que a nosa carne é de vaca criada en liberdade…

E cal é o produto que mellor se vende?
De momento está sendo a tenreira, porque a xente quere probala. Desa carne fannos pedidos moi variados. A xente quere ver, sobre todo, cal é a diferenza da carne de tenreira dos Ancares fronte a outras. E todo o mundo nos sinala o mesmo: que é moi tenra, que lle notan a calidade, que non solta auga ao cociñala…

Ti es quen atende á xente que se achega ao posto de O Sabor dos Ancares, pero tes moita experiencia previa no labor de carnicería, non si?
Pois si. Comecei a traballar moi novo na marmolería, pero coa crise da construción o destino levoume a traballar en Gadis, onde estiven once anos. Alí aprendín o oficio da carnicería. Non me deu medo meterme porque meu pai xa foi un gran parrilleiro aquí en Lugo e desde pequeno me ensinou como cortar a faldra e as chuletas no seu traballo. No Gadis foi onde coñecín a Luis Rebolo, un mestre carniceiro -que xa non quedan moitos!-. Foi coma meu pai no tema da carne, ensinoume todo, incluído algún segredo de carniceiro. Logo do Gadis estiven un ano en Friol. Em Traloagro, unha ecotenda con carnicería e sala de despece, onde aprendín moito sobre carne en ecolóxico. Alá foi onde coñecín A Carqueixa e ao seu xerente, Román Sánchez, e xurdiu o proxecto da carnicería de O Sabor dos Ancares. Logo de coñecer todo o labor que se fai desde a cooperativa o ‘contaxio’ foi inevitable e sentía a necesidade de formar parte deste proxecto. E aquí estamos na Praza de Abastos, abrindo unha ventá con vistas aos Ancares!

En que horario estades funcionando?
De oito e media da mañá a dúas do mediodía, de luns a sábado.

Gustaríache destacar algo do posto?
O feito de que facemos todo de xeito tradicional, co corte artesanal, sen maquinaria.

E que perspectivas tedes a futuro?
Pois só tendo en conta toda a xente que pasou para interesarse polo posto e que nos pediu datos, a verdade é que moi boas. Está habendo moitísimo interese.

Deixa un comentario