A importancia da muller rural galega

As mulleres galegas -labregas,
mariñeiras, artesás, obreiras,
pasado, pobo, presente,
alma e futuro de Galicia-
non foron cantadas
polo poetas cultos e premiados,
pechados nas súas torres de almasí:
eles, tan sensibles, non podían
adicarlles rondós e madrigales,
sonetos perfetísimos
a donas que falan en galego,
que son forza do pobo

-Manuel María-

Efectivamente, nin os poetas cultos e premiados nin a sociedade galega en xeral é consciente da débeda que temos coas mulleres rurais. A administración non as ten en conta malia que elas son axentes indispensables na dinamización cultural e económica do territorio no que se moven.

É fundamental que se recoñeza a contribución das mulleres no campo, na produción agrícola e gandeira ou nos proxectos pioneiros de transformación da materia prima e que dito recoñecemento se materialice en políticas públicas que permitan ás mulleres mozas que quedan no rural desenvolver o seu proxecto vital en igualdade cos seus compañeiros sen que exista a fenda de xénero.

Por outra banda, desde os ámbitos urbanos adoita haber un estereotipo erróneo da muller rural cando a realidade é que son axentes sociais activos que nunca paran na súa idea de conseguir melloras para a contorna que as rodea. Entenden a importancia de vehiculizar o concepto de comunidade e trasládano á esfera da acción mediante asociacións nas que adoitan ser maioría.

Traballo invisible

O seu traballo agrícola e gandeiro está invisibilizado e enfrontan grandes desafíos como a falta de recursos sociosanitarios ou a dificultade de acceso á propiedade da terra e a recursos de capacitación. Porén, o seu traballo máis invisible é o que permite que existan núcleos familiares no rural: o dos coidados. Son elas as encargadas de coidar a nenos e nenas e a persoas maiores ademais dos traballos do exterior. Pero esta faceta non é recoñecida nin remunerada. Á administración interésalle invisibilizada porque, mentres as mulleres rurais galegas desenvolven ese traballo, os recursos económicos que dedica a Xunta a son moi limitados. 

Por iso desde A Carqueixa reclamamos que é preciso que se amplíe a carteira de recurso de Servizos Sociais de proximidade, que se fomente a economía social dos coidados, que se implemente programas de apoio a mulleres coidadoras, que se lles recoñeza e remunere como categoría profesional, que se fomente o cooperativismo e que se facilite o seu acceso á titularidade compartida das explotacións familiares.

A Carqueixa non sería o que é sen as súas cooperativistas. Elas tiran dun carro que move toda a comarca dos Ancares. Grazas!

Deixa un comentario