A Carqueixa forma parte do recentemente nacido grupo Ash4Soil, un grupo operativo supraautonómico que busca a mellora da calidade de solos acedos e un incremento da produtividade en plantacións forestais e agrícolas a través do desenvolvemento dun material enmendante-fertilizando obtido a partir de subprodutos de orixe forestal e gandeira. O fertilizante nitroxenado, de gran calidade, elaborarase a partir dos xurros obtidos en Estremadura, Castela e León e Galicia, coa colaboración neste último caso da Carqueixa.
O equipo está coordinado pola Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), no que participan como socios a empresa Greenalia Biomass Power Curtis Teixeiro S.L.U., como provedora de cinzas de orixe forestal, as explotacións gandeiras Sociedade Cooperativa A Carqueixa, Agrobarcenilla S.L. e Almacenes Boina S.L., como provedores de xurros e de terreos agrícolas de ensaio onde avaliar o produto, a empresa SELGA – Compañía Galega de Silvicultores S.L., como provedora de terreos forestais de ensaio onde avaliar o produto, e a empresa Álvaro Rodríguez Eiras S.L. (ARESA), quen achega circuítos comerciais xa establecidos entre todas as comunidades autónomas implicadas no proxecto (Galicia, Estremadura e Castela e León).
Ash4Soil desenvolverase ao longo de máis de 3 anos, durante os cales levará a cabo a formulación e desenvolvemento do produto enmendante obtido a partir da caracterización fisicoquímica e mestura de cinzas procedentes da queima de residuos forestais e residuos de gandaría con propiedades fertilizantes (xurro), o cal será avaliado en solos acedos para estudar o seu potencial enmendante e fertilizante. Cos resultados obtidos levará a cabo unha cuantificación de indicadores de sustentabilidade económica, ambiental e social do produto obtido para elaborar un indicador de sustentabilidade integrado, que será validado en grupos focais compostos por axentes dos sectores de interese. Ademais, levarán a cabo ensaios co produto en terreos agrícolas (trigo e cerdeira) e forestais (frondosas e coníferas). A última fase do proxecto consistirá en determinar as propiedades e especificacións a cumprir polo novo produto para a súa comercialización en base á normativa e lexislación vixentes.
Coa finalización exitosa do proxecto Ash4Soil acadarase un produto enmendante-fertilizante para solos acedos que permitirá favorecer a economía circular e a sustentabilidade da actividade agraria e forestal, ao conseguir unha mellora na produtividade e unha diminución dos seus custos globais, unha redución do emprego de insumes de orixe sintética, coa consecuente redución en emisións de gases de efecto invernadoiro directos e indirectos (produción e transporte), e a valorización de residuos de orixe agraria e forestal, que facilitarán a reciclaxe nutrientes e contribuirán a limitar a colmatación de vertedoiros.
O proxecto Ash4Soil está enmarcado no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, financiado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das devanditas axudas. O orzamento total do proxecto é de 600.000,00 euros, cunha subvención total de 575.700,36 euros.