Cinco motivos polos que a nosa produción agrícola familiar é importante

Cada vez que comes carne de O Sabor dos Ancares, é dicir, da nosa cooperativa, A Carqueixa, estás a saborear historias e a potenciar unha cultura e un xeito de vida. O noso sistema de produción é familiar, isto é, desenvolto polos membros das unidades familiares que vivimos nos Ancares. Os seus beneficios levaron a que o periodo 2019-2028 se declarase decenio da agricultura familiar. O obxectivo desta acción das Nacións Unidas é incentivar aos gobernos a adoptar medidas de apoio a estes agricultores.

Hugo, un dos nosos cooperativistas

Por que é importante que poidamos manter o noso sistema?

  1. É clave para soster a poboación dos Ancares.
  2. Favorece a descentralización da produción e facilita o desenvolvemento de zonas menos poboadas como a nosa.
  3. Ao estar fóra dos circuítos de produción en cadea é máis diversa: axuda a manter a variedade paisaxística, o seu coidado, a prevención de incendios, as tradicións culinarias e tamén as culturais.
  4. Non hai grandes capitais, polo que reducimos a concentración excesiva de rendas e, con iso, a desigualdade. A gran industria alimentaria, en cambio, está sostida por dúas ou tres grandes empresas.
  5. Sen dúbida porque é mellor para o medio: nós sabemos que os pastizais e os montes son indispensables para que as nosas vacas e xatos estean nas mellores condicións e as nosas prácticas agrícolas están libres de agroquímicos. A alimentación das nosas vacas e xatos é 100% natural: nós dámoslle todo o que podemos ao noso medio e o medio dános todo o que precisamos a nós dun xeito equilibrado.

Porén aos países en xeral quédanlle moitos pasos para fomentar a agricultura familiar pero ti, como consumidor, tes nas túas mans que tipo de agricultura e que tipo de produtos queredes apoiar.

No marco do Grupo Operativo Gayas, xuntámonos con outras marcas produtoras da agricultura e gandería familiar de Galicia e de Asturias. Ca axuda do “Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural: Europa inviste nas zonas rurais” e máis do Programa Nacional de Desarrollo Rural do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, estamos poñendo en marcha un proxecto para poder comercializar a nosa carne xa cociñada e directa da aldea á túa casa.

Cada vez que mercas O Sabor dos Ancares estás invertindo en saúde e no teu modo de vida pero tamén nun tipo de agricultura e nun sistema de produción alimentaria concreto. Pensa que alimentos queres ver no teu plato.

Deixa un comentario