Maricarmen Rodríguez Santín “Fíxome moita ilusión formar parte dun proxecto local coma O Sabor dos Ancares”

Share on facebook
Share on google
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email
Share on print

Maricarmen Rodríguez Santín é á última incorporación ao equipo d’O Sabor dos Ancares. Únese a Luis Estrada no noso posto do número 25 da Praza de Abastos de Lugo, permitíndonos aumentar o noso servizo e achegándonos o seu coñecemento do oficio e a súa dilatada experiencia no mercado local.

Conversamos con ela sobre esta nova etapa tras 23 anos no mundo da carne.

Como están a ser os teus primeiros días n’O Sabor dos Ancares?
Están sendo moi bos. É certo que xa teño experiencia porque pasei 19 anos ao outro lado da rúa, no mercado de Quiroga Ballesteros, noutro local do que era propietaria.

A pesar de traballar en Lugo, ti es dos Ancares, coma a nosa cooperativa…
Si, eu son da Degrada, de Campo da Braña. Hai moitos anos que coñecía á xente da Carqueixa. Eu estiven no Albergue Ancares e moitos viñan por alí, xa os coñecía.

É que che parece esta aposta por traballar na proximidade e con xente da zona?
A min foi o que máis me chamou a atención do proxecto. Eu traballara en Montes ata que veu a pandemia e rematei cun ERTE. Foi un momento complicado e xusto despois entrei en Froiz. Fixéronme fixa. Pero dende a Carqueixa propuxéronme isto e, aínda que inicialmente tivese algo de medo por dar o salto, o feito de que fose todo con produtos de proximidade e con xente da zona a verdade é que me ilusionou. Ademais dábame a oportunidade de volver á praza de Abastos, onde fun tan feliz. Faleino cos fillos e eles animáronme.

E que tipo de clientes ves pola praza?
Eu xa coñecía a moitos dos que veñen. Volvinme atopar con moita xente. A verdade é que moi ben, aínda que entre semana as tardes son as de menos movemento de persoas. Pero a xente que vén é de toda a vida e ademais queda moi contenta, repite. Din que porque lles gusta moito o sabor.

Que é o que máis se compra?
Pídennos moito solombo, pero tamén rabo, cadeira, chuletón ou entrecot.

Que é o que distingue O Sabor dos Ancares?
A xente que vén comer á casa alucina co sabor da carne, e falo de xente que ten gando na casa coma meu irmán. Calquera carne que compres por aí deixa a sartén ou a propia bandexa chea de auga. A nosa sorprende porque non solta nada de líquido.

Deixa un comentario